José Luís Cabouli: «Quixen ser un cirurxián de almas».
«Quixen ser un cirurxián de almas».
Por Luís Aubele. Entrevista publicada no diario «La Nación», Buenos Aires, 22‑03‑2009.
Tradución: Vicenzo Reboleiro González.
«Que fun antes de ser José Luís?», comezou a preguntarse cando tiña 8 anos. O curioso é que daquela nunca tiña ouvido falar de reencarnación; non só non sabía o que era, senón que nin sequera coñecía a palabra. «Só uns anos máis tarde, entre os 15 e os 16, souben de que se trataba. Así e todo, tiveron que pasar 20 anos máis, cando xa era un cirurxián plástico con anos de exercicio, para que entendese que a reencarnación podía ter unha finalidade terapéutica», lembra José Luís Cabouli, médico e terapeuta especializado en Terapia de Vidas Pasadas.
«En realidade, nunca abandonei o tema, continuei estudándoo, sempre como algo interesante, aínda que paralelo á miña vida profesional. É que, contra o que se adoita crer, os cirurxiáns temos profundas preocupacións espirituais. Estamos permanentemente en contacto con cousas transcendentes como son a vida e a morte dos seres humanos», apunta.
Cabouli dita seminarios no país, Chile, Uruguai, México e España. É autor de varios libros, entre outros: La vida antes de nacer («A vida antes de nacer»), El trabajo del alma («O traballo da alma»), El viaje del alma («A viaxe da alma») e Terapias de vidas pasadas («Terapia de vidas pasadas»).
–Como chega a deixar a cirurxía pola terapia de vidas pasadas?–
–En 1988 tiven un problema laboral, un desencontro, e non quixen loitar por un posto que xa non me importaba. Renunciei e sentinme liberado, con máis tempo para min, e decidín pasar uns días de vacacións na praia de Ostende (Arxentina). Unha noite, despois de comer, tomei unha hamaca e fun meditar debaixo das estrelas. Recordo que estaba preto dunha casa que Arturo Frondizi construíra na súa mocidade co seu pai e irmáns. E de súpeto, non podo describir exactamente que ocorreu, sentín que a miña profesión de cirurxián xa non me interesaba e que perante min se abría outro camiño e decidín dedicarme á terapia, quixen ser un cirurxián de almas. Non lembro máis detalles, porén nun instante decidín mudar totalmente o rumbo da miña vida. Isto levoume a comprender que cando un non fai o que ten que facer, a vida fórzao a facer o que ten que facer.–
–Que é a terapia de vidas pasadas?–
–Consiste en traermos a conciencía episodios traumáticos que están reprimidos no inconsciente e que provocan desaxustes na vida cotiá. Traelos e revivilos con todos os sentimentos que desencadearon, non simplemente contalos. O primeiro paso para comprendermos a terapia de vidas pasadas é entendermos que o tempo non existe. O tempo lineal, cronolóxico, medible, é unha convención, un acordo que fixemos para poder manexarnos. En realidade, nunca ninguén tivo un segundo na súa man. Mesmo hai distintos calendarios: maya, hebreo, etcétera. E non o inventei eu, o mesmísimo Sigmund Freud explícao cando sostén que o inconsciente é atemporal. Con todo, hai algo máis.–
–Por exemplo?–
–A segunda cousa que hai que entender é o que se denomina atrapamento da conciencia. Cando reaccionamos sen podermos evitalo perante determinada situación, é porque nun nivel inconsciente está a revivirse unha experiencia sen resolver que ficou atrapada e que se activou pola súa similitude coa situación presente. Imaxinemos unha muller que ten terror de subir a un barco, porque aínda está atrapada e loita nas augas xeadas na noite do 14 de abril de 1912, cando se afundiu o Titanic. Ou alguén que non pode subir a un elevador porque sente claustrofobia e no pasado foi soterrado vivo, algo bastante común nunha época, ou morreu no derrube dunha mina.–
–Como un profesional de formación científica chega a interesarse por unha terapia tan fóra do común?–
–É que en ningún momento abandonei o método científico, o camiño dos tres alicerces: observación, experimentación e comprobación. Observar o fenómeno e facer as experiencias necesarias para comprobarmos a súa verdade. A terapia de vidas pasadas ten moitos puntos en común coa psicoloxía clásica. En ambos os casos trátase de facermos consciente o inconsciente, como tamén recalcaba Freud. Coa diferenza de que a terapia de vidas pasadas busca ampliar o horizonte transcendendo a infancia, o nacemento ou o estado fetal, e chegando a encarnacións anteriores.–
–Casos que lembre?–
–En España atendín a unha muller que lles tiña terror ás serpes. Non se podía nin nomealas na súa presenza porque comezaba a berrar desesperadamente. Na terapia reviviu que fora unha moza que ía por un camiño con súa nai, cando apareceu unha serpe venenosa, unha cobra que se balanceaba diante delas con lingua ameazante. A nai trataba de distraer a víbora movéndose cara a un lado, mais entón, ao quedar a nena soa, a serpe picouna e a moza morreu. Revivir ese momento liberou a muller, e ao día seguinte chamoume para contarme que perdera o medo aos réptiles, que pensaba ir ao zoológico e que faría algo que nunca tería imaxinado: visitar o serpentario.–
–Algún outro?–
–Unha muller, ao revivir o seu nacemento, exclamou: Mais, esta non é a miña nai! Non sabía que era adoptada. Hai casos nos que o paciente descobre ser a reencarnación dun irmán maior, que morreu ao nacer.–
–Que é para vostede a reencarnación?–
–Para min é unha realidade, unha experiencia, aínda que comprendo perfectamente que haxa xente que non pense o mesmo.–
Ligazón da entrevista orixinal en castelán dentro do sitio web de «Terapia de Vidas Pasadas»: