José Luís Cabouli: «O teu ego non atura toda a verdade».
La Vanguardia. Sábado, 23 de Agosto de 2003. A Contra.
José Luís Cabouli: «O teu ego non atura toda a verdade».
Tradución: Elisa Borrazás.
Teño 52 anos. Nacín en Buenos Aires. Fun cirurxián plástico, pero dos que non se fan ricos, e hoxe son terapeuta regresivo. Teño un fillo de 10 meses e outro de 20 anos. Creo que nesta vida purgamos erros de vidas anteriores que debemos emendar con amor, e traumas terríbeis dos que debe librarse a nosa conciencia ao lembralos.
José Luís Cabouli. Foto: José María Alguersuari.
Terapeuta Regresivo.
Un paciente dicíame que tiña unha dor de estómago que se lle acentuaba en discusións de parella polos seus propios ataques de ciúmes.
–Que lle recomendou?–
–Pedinlle que me describise a dor e díxome: «É coma se tivese un puñal cravado no estómago». Eu tomei a frase de forma literal, como faría o propio subconsciente do meu paciente, e interrogueino ata que chegou á experiencia causante do síntoma.–
–Unha úlcera?–
–Unha pelexa nunha taberna na que o meu paciente acaba de descubrir que a súa muller lle foi infiel e o outro o apuñalaba.–
–Entón é normal que lle doese…–
–Non, é que a pelexa foi nunha vida anterior. Na terapia reviviu a rabia, o odio, a ira e a desconfianza cara á súa muller e liberouse. Porque cando a morte sucede en segundos, a conciencia queda atrapada no estupor antes de comprender que morreu.–
–E como lembra agora el que foi outro?–
–Ao pasado só se chega pola emoción, así que tento que o paciente non razoe, que evoque sensacións e sentimentos.–
–Buf, vaia culebrón.–
–Se non quere non crea na vida pasada, pero si no subconsciente que, como dicía Sábato, é máis real que a realidade. Entón tentaremos esgotar todas esas sensacións desagradables para que poida liberar a súa conciencia conxelada no tempo polo pasmo da morte súbita.–
–E se a dor é culpa dunha úlcera?–
–Entón o paciente xa non se achega á miña consulta. O que lle sucede é que cando se atopa fronte a unha situación parecida á de anteriores vidas, renóvase o síntoma da dor no ventre, porque a súa conciencia está atrapada nese instante. Eu intento que reviva intensamente todas aquelas emocións de rabia e dor para que a súa conciencia poida desprenderse dese corpo que xa non ten nada que ver con el.–
–E se el mesmo inventou todo iso da pelexa ou, suxestionado, sácao dunha película?–
–Xa lle dixen que hai quen cre que eses episodios revividos son meras fantasías do subconsciente: ben, en calquera caso para o subconsciente calquera cousa que coñece é verdadeira. Así que se esgota esa dor liberará ao paciente da súa propia pantasma. A certeza de que o seu trauma sexa anterior á súa propia vida talvez chegue máis tarde.–
–Como lembraría eu outras vidas?–
–Para empezar, á terapia regresiva non se pode ir por curiosidade, hai que chegar por necesidade por un síntoma inexplicable. Ese síntoma presente levaranos ao trauma pasado a través das emocións que se reviven. E hai tres grandes momentos onde se expresan eses traumas anteriores: a morte, a experiencia fetal e a primeira infancia.–
–Vostede lembra o seu nacemento?–
–Si. Revivín as emocións de querer saír, o frío da sala, sensacións de compresión, de afogo… Pero son incapaz de evocar imaxes. E tiven unha paciente que lembrou a súa rabia pola ausencia da súa nai…–
–No parto?–
–Si, a súa nai durmía anestesiada e foi a irmá da súa nai, a súa tía, quen en realidade a lavou cando naceu e despois explicoume que tivo sempre unha relación moi especial con aquela tía súa e, en cambio, mantivo certa distancia coa súa nai. O curioso é que ninguén lle explicou antes que a súa nai foi anestesiada no seu alumeamento.–
–Talvez só o escoitou…–
–Eu creo que o viviu e pódeo lembrar. Por que non? Ademais, existe unha analoxía clara entre o trauma sufrido en vidas pasadas e o nacemento. Por exemplo, as mortes por aforcamento ou de anoxia noutra vida, adoitan reflectirse en circulares de cordón no momento do parto na vida actual.–
–E non pode tratarse simplemente dun mal recordo de infancia?–
–Eu fun cirurxián antes de dedicarme á terapia regresiva, tras familiarizarme cos traballos do doutor Morris Netherton. Unha dos meus pacientes sufría dores continuadas e inexplicables nas costas con contracturas continuas…–
–Postura incorrecta? Tensión?–
–Interviñémola dúas veces e chegámoslle a quitar parte do óso da escápula sen resultado. Eu probei a terapia de Netherton e chegamos xuntos a revivir unha experiencia de tortura na Idade Media.?–
–Vaia película!–
–Pois deu resultado. E eu mesmo sufría unha gastrite inexplicable ata que revivín unha batalla nunha vida anterior na que me cravaron unha lanza.–
–Pois eu prefiro a gastrite, oia!–
–O subconsciente lévache alí onde a conciencia ten que traballar en liberarnos dunha experiencia traumática.–
–E as tremendas bacanais romanas non se poden lembrar?–
–Os recordos agradables non deixan pegada. Os traumas supéranse ao revivilos e ao compensar os teus propios comportamentos mesquinos, egoístas ou crueis cun novo amor que recupere o equilibrio universal.–
–E se non podo evocar ningunha vida anterior?–
–O bloqueo na terapia só se produce cando o paciente ten algo que ocultar e emprega a súa enerxía en que non aflore. O teu ego non soporta toda a verdade porque é demasiado humillante e tratas de ocultala.–
–E ser Cleopatra ou Napoleón…?–
–Non coñecín nunca a ningún paciente que tivese unha vida anterior famosa ou glamurosa. Todos lembran vidas e mortes crueis de ignotos e desgraciados seres humanos.–
Lluís Amiguet.
Un paso.
Foi un paso moi pequeno para a humanidade, pero moi grande para min, pero non consigo lembrar o momento do meu nacemento con nitidez a pesar de que deixei algunhas horas no transo, o cal non impide que lles convide (non hai ningún perigo) a tentalo a partir, como di Cabouli, de sensacións: cheiros, frío e calor, ruídos, luces… E descubertos os misterios do propio parto, a eternidade. A metampsicose ou trasmigración das almas é un acto de fe común a varias relixións e unha posibilidade que acariñou a psicanálise jungiana. Agora tento achegarme á terapia regresiva cunha, creo que, saudable distancia que lles recomendo, aínda que non vexo maior risco no lance que o que axexa ás súas carteiras. E diso aquí sabemos coidarnos.