Regreso á Paz. Entrevista a Brian Weiss.
Revista Athanor. Número 35. Setembro-outubro de 2002. Páxinas 15-18.
Entrevistador: Josep Agustín. Intérprete: Loto Perrella. Fotógrafa: Natalia Campoy.
Tradución: Vicenzo Reboleiro González.
O Doutor Brian Weiss. Foto: Natalia Campoy.
Como estar en paz cun mesmo e, por conseguinte, con todo, é quizá a fórmula máxica máis procurada desde sempre polo ser humano. Ao ser recibido polo doutor Brian Weiss no hotel e durante toda a entrevista, fomos acompañados pola tranquilidade, o bo humor e o carácter atento desta persoa.
A conversación conduciuse a través do seu traballo no campo das regresións e outros aspectos, algúns fenoménicos, de actualidade.
Nas súas palabras escoitamos unha afirmación íntegra: «O Amor e a Compaixón son dous ingredientes esenciais para lograr diluír o medo…». Realmente unha boa fórmula para estar en Paz.
–Doutor Weiss, o seu labor no campo das regresións é moi recoñecida internacionalmente. Vostede é un médico prestixioso no campo da psiquiatría biolóxica. Formouse no medicamento convencional. A vida despois da morte, as palabras alma, espírito, enerxía, mestres, non pertencían entón ao seu vocabulario profesional. Cal foi o catalizador que lle levou a comezar polas regresións?–
–O que di é moi exacto. Nada diso o aprendin na escola de psiquiatría, mais a experiencia con Katherin, de que se fala en «Many Lives, Many Masters» («Moitas vidas, moitos mestres»), foi o inicio do cambio. E, desde entón, 1988, fixen regresións con máis de 3.000 pacientes: uns 3.500 en terapias individuais na miña consulta, e considerando os tratados en grupos, moitos máis. En ciencia, un dos principios básicos consiste en observar sen xulgar; obsérvase sen esperar resultados. Cando se fan observacións, establécense hipóteses e, desta maneira, desenvólvense as teorías científicas. Mentres facía estas observacións con Katherin, observaba noutros pacientes os fenómenos que había que estudar, que non se podían deixar de lado. Había xente que durante a regresión falaba en idiomas estranxeiros que nunca aprenderan e xente que coñecía datos e informacións sobre eles mesmos doutros tempos e outros lugares e tamén detalles históricos que nunca estudaran; mesmo encontraban información das súas propias tumbas nos rexistros antigos das súas cidades. E ao mesmo tempo melloraban na súa situación de saúde: desaparecían os síntomas, desaparecían os medos. Así que observaba uns cambios impresionantes nos meus pacientes en todos os niveis. Como científico tiña que estudar esas cousas e desenvolver hipóteses. Desa maneira fun mudando a miña actitude. Agora formo centos de terapeutas cada ano para seguir adiante con este traballo e eles conseguen os mesmos resultados que encontrei eu.–
–Que significou o encontro con Katherin na súa vida laboral, familiar e social?–
–Causoume uns cambios moi grandes en ambos os sectores da vida, laboral e persoal. No traballo empezaron a falar de min e a ocuparse de min en todo o mundo e chegaron pacientes de todas as partes do mundo á miña consulta para recibir este tipo de terapia. Tamén na miña vida persoal cambiaron os valores como resultado dese traballo. Descubrín que a morte non existía e que por conseguinte non había que terlle tanto medo. E que non nos levamos as nosas cousas connosco cando morremos. Os meus valores mudaron, as relacións humanas persoais volvéronse máis importantes, desenvolvín un sentimento de paz e tranquilidade e aprendín a meditar. Estas cousas cambiaron a miña vida.–
De esquerda a dereita: A intérprete Loto Perrella, o Doutor Brian Weiss e o entrevistador Josep Agustín. Foto: Natalia Campoy.
–Escribiu varios libros acerca deste tema, entre eles «Many Lives, Many Masters» («Moitas vidas, moitos mestres») e «Only Love Is Real» («Lazos de amor»). Centos de persoas beneficiáronse do seu traballo e formáronse con vostede. En que consiste unha regresión?–
–É voltar atrás no tempo, nun estado de concentración e relaxación profundas e lembrármonos de acontecementos e experiencias do pasado. Poden ser de antonte; iso tamén é unha regresión, da infancia, do período prenatal ou de vidas pasadas ou de experiencias espirituais. Onte houbo unha conferencia importante aquí no Hotel Mayestic; había unhas catrocentas persoas. Fixemos un exercicio de grupo e máis da metade dos asistentes lembraron vidas pasadas. Non son difíciles de facer as regresións, e é seguro. Foi un taller de cinco horas e a xente tivo experiencias extraordinarias; logo comentáronas entre eles.–
–No seu libro «Many Lives, Many Masters» («Moitas vidas, moitos mestres»), Katherin, a súa paciente, entra en contacto cos seus mestres nun estado de hipnose inducida. É posible vivir esta experiencia de forma voluntaria?–
–Si, moita xente o fai. No taller de onte, varias persoas en estado de hipnose e regresión profunda tiveron experiencias. Todos temos actitudes mediúmnicas. Todos podemos recibir mensaxes, ás veces dos nosos seres queridos que xa faleceron, de niveis máis elevados, de mestres, porque todos estamos relacionados. É unha soa enerxía e unha soa consciencia. Con adestramento podemos conectar con esa enerxía superior e esa consciencia superior. O que Katherin fixo naquel momento a min pareceume extraordinario, aínda así moita xente pode facelo.–
–Desde os anos 40 ou 50 a humanidade experimentou cambios científicos e culturais de todo tipo, moi rápidos. Nestes momentos, coa era de Internet, toda a información, boa e mala, está ao noso alcance. Medicamentos alternativos, ecoloxía, espiritualidade, son palabras que forman parte do vocabulario de case todos. Que pode significar para o ser humano ser consciente destas realidades de que nos está a falar?–
–O positivo disto é que se pode compartir información e coñecementos moi rapidamente, porén hai tamén aspectos negativos: non nos deixan tempo de aprofundar, de meditar, porque continuamente estamos bombardeados por factores externos. Non penso que sexa bo nin malo: é outra tecnoloxía, como os teléfonos móbiles que continuamente están a interferir na nosa vida, mais que ás veces poden ser útiles. Todo se ha de usar con moderación e equilibrio; todo o que se fai en exceso non pode ser saudable. Trinta minutos en Internet pode ser útil e ir ben, mais oito horas seguidas, dubídoo moito.–
–Que é para vostede a espiritualidade?–
–Para min significa unha consciencia superior; unha consciencia e un coñecemento superior que é a nosa verdadeira natureza. Teilhard de Chardin dixo que non somos seres humanos que temos unha experiencia espiritual aquí, senón que, pola contra, somos seres espirituais que están a ter unha experiencia humana. Espírito refírese á alma e refírese a unha consciencia superior. É importante que nos concentremos máis sobre estes valores superiores porque é por iso que estamos aquí na Terra. Hai quen di que nos estamos volvendo máis violentos e que non estamos a progresar desde o punto de vista espiritual e os medios de comunicación, a miúdo, fan ver as cousas peores do que son porque temos inmediatamente a noticia do que está a pasar en todo o planeta. En tempos pasados quizá nunca nos decatamos das cousas que sucedían en lugares afastados ou tardarían meses ou anos en chegar até nós. Por iso penso que estamos a facer progresos, aínda que a tecnoloxía ás veces fai pensar que non é así. Penso que hai unha chea de xente espiritual no mundo, boa xente, mais tamén un pequeno número de persoas malvadas con capacidade tecnolóxica pode facer moito dano.–
–Desde tempos moi antigos o home deixou sinais en todas as culturas destes signos de espiritualidade. Por que cre que, por exemplo na relixión cristiá, no 500 despois de Cristo, nun Concilio, suprímense palabras como «reencarnación»?–
–Creo que houbo unha razón específica para iso. É unha razón política. Os gobernos, e en especial o goberno da Igrexa, querían maior control sobre a xente. No cristianismo aboliuse a palabra «reencarnación» porque pensaban que, sen a ameaza do día do Xuízo Final, a xente, non habería maneira de controlala. Jesús cría na reencarnación; esa é a ironía, a gran ironía, porque hai varias referencias a ela na Bíblia, e é curioso que, por razóns políticas, as ideas de Jesús neste campo foran ignoradas e cambiadas, modificadas. Sempre houbo dificultades cos políticos; non é ningunha novidade, aínda hoxe.–
–Tivo a honra de coñecer e traballar con Elisabeth-Kübler-Ross, unha persoa comprometida co acompañamento da morte. Pode comentar algo?–
–Ela era unha amiga; fixémonos amigos e falou sobre moitas destas cousas. Ela non só traballou nestas fases da enfermidade e a morte; fixo moito máis traballo. Foi a pioneira das experiencias próximas á morte; converteuse nunha experta en analizar os debuxos que facían os nenos e adultos que se estaban morrendo. Cría tamén na reencarnación e nas vidas pasadas; estabamos de acordo en todas estas cousas.–
–Sabemos que vostede está a traballar nestes momentos en Estados Unidos co prestixioso parapsicólogo James van Praagh. Que tipo de traballo realiza?–
–É un médium que canaliza mensaxes e eu como psiquiatra estou a estudar a consciencia humana, tentando pescudar de que maneira se poden canalizar mensaxes e recibir información de xente que nin se viu nin se ve. (Onte, no taller que fixemos, varias persoas canalizaron e recibiron mensaxes de seres queridos; incluso unha persoa recibiu mensaxes doutra que traballara con ela, mais que non coñecera nunca. Mensaxes moi detalladas, con nomes e lugares, de xente que morrera.) Daquela, se el pode facer esta canalización, todos podemos facela. El, por mor do seu adestramento, pode facela sempre que queira, mentres que para a maior parte de nós é unha cousa aleatoria; pode ser ou non ser.–
–Cando unha persoa pode canalizar ou é consciente dunha vida pasada, que sucede, que fai con esta información? O planeta, en que momento de traballo se encontra, a nivel grupal?–
–Isto axuda ás persoas. Por exemplo, os que falan cos seres queridos danse conta de que a morte non existe porque a alma segue existindo e pode comunicarse con persoas que seguen tendo o seu corpo físico. Iso axuda as persoas que sofren pola ausencia deses seres queridos. A nivel global, isto pódenos axudar a darnos conta de que esta é a nosa casa, o planeta é a nosa casa, e de que temos que coidala, porque cando nos reencarnamos volveremos aquí, e habemos de manter a nosa casa habitable. Non podemos destruír o aire, a auga e as condicións de vida porque non son só os nosos fillos e netos quen van vivir aquí: é que nós mesmos imos regresar.
–Ás veces prodúcense fenómenos físicos como os círculos das colleitas, os crop circles. Que relación advirte ou que pensa vostede respecto diso?–
–Vinos en Inglaterra e falei con un dos agricultores, dos propietarios da terra. Ese agricultor é un home moi sinxelo e honrado. Está convencido de que ningún ser humano podería crear estes círculos, (e el é un profesional, un agricultor) polo modo en que a cebada está dobrada, mais non rota a espiga, e polo tempo utilizado. En Inglaterra no verán a noite é moi curta e estes círculos nas colleitas, que son moi complexos, aparecían en moi poucas horas. E cando houbo xente que quixo imitalos, reproducilos, sacou unhas copias moi malas, moi bastas, destes círculos. E non quedan sinais nin de rodas de tractores nin de máquinas nin nada. Non sabemos que pasa con estes círculos, mais o que sabemos é que non están feitos por seres humanos, non fisicamente polo menos.–
O Doutor Brian Weiss ollando un exemplar da revista Athanor. Foto: Natalia Campoy.
–É unha perfecta xeometría sacra?–
–Si, exacto. E faise en moi poucas horas. Non hai pegadas ou sinais de tractores. Aínda non hai unha explicación científica. O único que sei é que os seres humanos por agora non o poden facer. É o traballo dalgunha outra forza ou enerxía. Non necesariamente ha de ser extraterrestre; pode ser unha enerxía mental ou algunha enerxía electromagnética que non comprendemos ou comunicacións doutras fontes. O único que sei é que o fenómeno non é provocado por seres humanos.–
–Nestes momentos os seres humanos están en condicións óptimas para teren unha comprensión máis elevada da súa misión no planeta. Ao mesmo tempo existen os desastres máis grandes, as guerras máis sanguentas, os atentados máis graves. Cal é a súa percepción respecto diso?–
–A tecnoloxía está a avanzar moi rapidamente. Os seres humanos sempre foron violentos, sempre houbo guerras, pero agora as armas son moito máis efectivas. As armas biolóxicas son moito máis perigosas que as lanzas. Hai unha especie de carreira entre o desenvolvemento tecnolóxico e o desenvolvemento espiritual. Espero que a xente espiritual gañe a carreira.–
–No seu libro «Many Lives, Many Masters» («Moitas vidas, moitos mestres»), nunha pasaxe, Katherin canaliza un mestre e fala do medo como un gran malgaste de enerxía. A que ten realmente medo o ser humano?–
–Temos moitos medos, temos medo á morte, á vida, ao fracaso, á enfermidade, á perda, a non ser queridos, a non ser aceptados pola colectividade. Temos un autoservicio de medos; non é só un medo, é medo en xeral. Temos que encotrarnos moito máis no amor e a compaixón, porque o amor e a compaixón poden disolver o medo.–
–Falamos do pasado, do presente. Que proxectos ten para o futuro?–
–Agora hai cinco libros en castelán. O cuarto libro, «Messages From the Masters» («As mensaxes dos sabios»), é moi importante para min. O quinto é sobre o mesmo tema, pero máis artístico: fala do que hai que facer para o planeta, as cousas de que estivemosa falar, e as cousas que hai que facer para o planeta. Hai moita presión por parte dos editores para que escriba máis, pero non vou escribir até que teña algo que dicir. Agora estou a visitar moitos países para falar destes temas do amor, a inmortalidade, a compaixón. A miña intuición dime que isto é importante, mais os resultados están fóra do meu alcance. O que podo facer é ofrecer e dar. Os resultados dependen dun nivel superior. Este nivel superior farame saber cales son os proxectos para o futuro cando chegue o momento. Por agora, é partillar estas investigacións co maior número posible de persoas. Estou seguro de que haberá moitos máis proxectos para o futuro, mais prefiro vivir o momento presente. Se vivo agora de maneira correcta, ocupándome do presente, o futuro organizarase só. Este é outro medo: temos medo do futuro.
As mensaxes son finalmente as mesmas: sabemos as respostas, sabemos o que hai que facer, pero somos unha especie moi túzara. Facelo é moito máis difícil que sabelo.–
–Doutor Weiss, moitas grazas.–
–Moitas grazas a vós pola oportunidade.–