Un caso de reencarnación inmediata no grupo familiar. Terapia de Vidas Pasadas.
«Un caso de reencarnación inmediata no grupo familiar».
por Leopoldo Lage, Merlo, San Luís, Arxentina.
Tradución: Elisa Borrazás.
Marcela (45 anos), veu á consulta co propósito de traballar a súa fobia aos cans. Había xa varios anos que os seus dous fillos, de doce e dez anos, lle reclamaban que querían un can como mascota, pero Marcela tíñalles moito medo aos cans, até o punto de non poder camiñar soa polo seu barrio onde había moitos cans soltos. Marcela desexaba liberarse dese medo tan molesto que a levaba a ter actitudes case cómicas cando se topaba con algún can, sen importar o seu tamaño nin as circunstancias.
Marcela era a menor de dúas irmás; a súa irmá maior leváballe nove anos de diferenza e os seus pais faleceran había xa varios anos. Consultada sobre experiencias traumáticas con cans na súa infancia ou na adolescencia, dixo non lembrar ningunha en especial.
Comezamos a terapia con Marcela inducíndoa a recoñecer os síntomas e a recrealos. A continuación guieina até entrar na experiencia orixinal en estado de regresión.
Marcela revive entón unha experiencia na que ela é un neno varón de cinco anos que está a xogar só no patio da súa casa. A súa mamá atópase dentro da casa. No patio hai unha escaleira que conduce a unha terraza e, debaixo da escaleira está a cadela do neno coas súas crías. Ao neno atráenlle os cachorros e decide ir xogar con eles e agáchase para meterse na casiña dos cans e entón, a cadela lánzaselle ao pescozo provocándolle unha ferida da que sae moito sangue.
Ante os berros do neno, a súa nai acode desesperada e lévao axiña ao hospital no que finalmente morre mentres os doutores están a asistilo.
Marcela relátame entón como sae do seu corpo de neno e como ve aos seus pais chorando desesperados e aos médicos retirándolle cables, caños e agullas.
A continuación, Marcela falando en xénero masculino relata como un anxo vén buscalo dicíndolle que o fixo moi ben e que o acompañará até a luz. O neno pídelle ao anxo que antes de marchar lle deixe ver a súa irmá porque ela debe de estar a sufrir.
Preguntado sobre a súa irmá, o neno (Marcela) di que a súa irmá se chama Betty, que é máis grande que el e que está no colexio.
Logo, o neno relata como ve a Betty chorando na súa habitación mirando a foto del e que el quere acariñala, pero que non pode tocala. O anxo dille que xa é tempo de ir á Luz e vanse, pero el dille ao anxo que está moi triste porque non quere deixar soa á súa irmá.
Proseguindo co seu traballo terapéutico, Marcela sinala que o momento máis traumático desta experiencia foi o ataque da cadela. As súas reaccións físicas nese momento son tratar de zafarse do ataque e gritar para chamar á súa mamá. As súas reaccións emocionais, nese momento, son o medo convertido en pánico ao ver o sangue cubríndolle o corpo e as súas reaccións mentais son sorpresa e desesperación. Marcela gritaba: «quero a miña mamá!».
Sobra dicir de que maneira esta experiencia a afectaba na súa vida actual como Marcela.
Outro momento traumático é ter que deixar soa á súa irmá. A súa reacción emocional é unha inmensa tristeza e a súa reacción mental é «non quero deixala soa».
Até aquí, poderiamos dicir que este foi un traballo normal dentro dos alcances da TVP. Fiquei moi satisfeito co traballo sen imaxinar que o máis incrible e sorprendente aínda estaba por chegar.
Resulta que cando Marcela lle relatou á súa irmá maior, Beatriz, o que puido ver durante o traballo terapéutico, esta desmaiouse e, cando volveu en si, Beatriz pediulle a Marcela os meus datos de contacto porque necesitaba falar comigo de forma urxente.
Beatriz chegou á entrevista comigo uns minutos antes do horario pactado e, entón, comezou a relatarme algo incrible. Beatriz contoume que ela era a irmá maior de Marcela e que cando ela, Beatriz, tiña oito anos, o seu irmán menor de cinco anos, que se chamaba Víctor, foi mordido pola súa cadela cando lle quixo sacar un cachorriño. O feito ocorreu debaixo da escaleira que levaba á terraza da casa e, como consecuencia da mordida que lle perforou unha arteria do pescozo, o seu irmán faleceu no hospital mentres o atendían. Este feito foi tan doloroso para toda a familia, que nunca máis se falou dese irmán falecido.
Ao mes dese terrible episodio, a nai de Beatriz deuse conta de que estaba embarazada de Marcela. Ao principio, iso foi outro impacto terrible para toda a familia, pero co correr dos meses do embarazo unha inmensa felicidade comezou a invadir a familia e todos, sen excepción, sentiron que o baleiro deixado por Víctor estaba a ser ocupado por Marcela.
Beatriz relatoume tamén que, durante os anos de infancia de Marcela, esta tiña actitudes estrañas como, por exemplo, colocar un xogo máis de cubertos na mesa para «o seu irmanciño», o cal provocaba moito desconcerto na familia dado que os seus pais pedíronlle a Beatriz que xamais lle contase á súa irmá este feito doloroso. Beatriz xuroume que nunca lle falou da existencia dese irmán e moito menos sobre as circunstancias da súa morte, o cal é comprensíbel por tratarse dun típico caso de segredo familiar celosamente gardado.
Por outra banda, os pais de Beatriz eran inmigrantes rusos que apenas falaban castelán e non tiñan familia na Arxentina, o cal facía máis remota a posibilidade de que Marcela se enterase por algún terceiro. Máis aínda, logo daquel desgraciado suceso a familia mudouse a outra casa porque non aturaban ver o patio que lles lembraba aquel amargo episodio, así pois Marcela nin sequera coñeceu a casa onde sucedera o accidente.
Actualmente, Beatriz adora a Marcela. Lévanse moi ben e están moi unidas.
A experiencia de Marcela levoume a min mesmo á conclusión de que se trata dun caso de reencarnación inmediata dentro do mesmo grupo familiar, algo que eu nin me imaxinaba que puidese suceder pero que evidentemente abre un abano de posibilidades para investigar e conxecturar sobre a vida e a morte.
É interesante sinalar que Marcela, ao deixar o seu corpo como neno, non quería deixar soa á súa irmá malia a insistencia do anxo para que regresase á Luz. Talvez, este desexo de acompañar á súa irmá foi o que a fixo regresar ou reencarnarse en forma inmediata.
Como terapeuta e como corolario desta historia podo dicir que Marcela superou o seu medo aos cans e, aínda que non se achega moito á mascota dos seus fillos, hoxe está feliz porque os seus fillos poden gozar do seu pequeno Caniche Toy.
Ligazón do artigo en castelán no blog «Publicacións e experiencias» de Leopoldo Lage, do xoves, 29 de Setembro de 2011:
http://notasleopoldolage.blogspot.com/2011/09/un-caso-de-reencarnacion-inmediata-en.html
Ligazón do artigo en castelán no blog «Terapia de Vidas Pasadas, José Luís Cabouli»:
https://www.vidaspasadas.com.ar/articulos/un%20caso.html
Agradecemento especial ao doutor Leopoldo Lage e a José Luis Cabouli.